O Concello de Ourense proporá á administración estatal, a través da Sociedade Mercantil Estatal Paradores de Turismo de España, que a antiga prisión da rúa do Progreso, xunto á Casa de Baños e todo o complexo que forman ambos edificios, se converta nun Parador Nacional de Turismo. Así o anunciou o alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, quen impulsa a iniciativa co obxectivo de poñer en valor estes espazos e aproveitar o seu potencial turístico e termal.
O proxecto contempla un parador «boutique», de pequeno tamaño, adaptado ás características do inmoble, con vinte habitacións e especialmente vinculado ao termalismo, un dos grandes recursos de Ourense. Segundo lembrou o rexedor, España xa conta con Paradores de dimensións reducidas e inmobles singulares que foron rehabilitados para darlles unha nova vida turística. Neste caso, o valor engadido sería, en palabras do alcalde, «a localización excepcional: xunto ás termas, nun enclave urbano privilexiado e coa posibilidade de crear un establecemento con identidade propia, ligado á súa historia e, ao mesmo tempo, ao carácter termal de Ourense».
Pérez Jácome resumiu o potencial da iniciativa na frase: «Ourense non pide unha subvención: ofrece ao Estado un proxecto», que concreta en catro claves: «un edificio con historia, unha contorna única, unha rede turística nacional e unha nova vida para todo o complexo».
Propiedade municipal garantizada
A fórmula proposta blinda a titularidade municipal do espazo. O Concello realizaría unha cesión de uso por 75 anos á Sociedade Mercantil Estatal Paradores de Turismo de España, para que esta poida rehabilitar e xestionar o establecemento durante ese período. Deste modo, Ourense conservaría a propiedade dun patrimonio municipal, mentres que o Estado, a través de Paradores, podería acometer a súa transformación e explotación turística.
Incorporación aos canais de Paradores
O alcalde considera que incorporar Ourense á Rede de Paradores daría un valor engadido á recuperación desta contorna polo que supón formar parte duns canais de promoción, comercialización e reservas. Na súa opinión, Paradores conta ademais cunha clientela que busca precisamente este tipo de establecementos singulares, polo que a cidade non dependería unicamente de captar turistas polos seus propios medios: Ourense entraría no circuito turístico de Paradores, canalizando cara á cidade unha demanda que xa utiliza esta rede para organizar as súas viaxes.
Fonte: Concello de Ourense