O catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Ernesto González Seoane (O Barqueiro, 1962) ingresou este sábado 3 na Real Academia Galega. O seu discurso de ingreso, pronunciado no Paraninfo da USC, percorreu a historia da lexicografía galega e universal, e contou coa resposta de Antón Santamarina en nome da Academia, segundo informou a propia universidade.
Na súa intervención, González Seoane defendeu unha lexicografía que reconcilie a dimensión normativa do dicionario coa descrición do uso real das palabras. Denunciou que a dimensión normativa deu lugar a «interpretacións fundamentalistas de que todo aquilo que non aparece nel non é galego ‘correcto'», e destacou que a lexicografía descritiva é útil ademais para que siga a desenvolverse a prescritiva.
O novo académico tamén abordou a dimensión política deste tipo de obras. «Resulta inxenuo pensar que os males que nos afectan como sociedade van evaporarse simplemente porque cambiemos unha definición no dicionario. Pero tamén é unha inxenuidade pretender que o dicionario é só un rexistro aséptico e ideolóxica e politicamente neutro de palabras cos seus significados», afirmou. Segundo expresou, os dicionarios, ademais de reflectir a realidade, axudan a construíla, regulando o uso das palabras e difundindo valores relixiosos, políticos, cívicos ou morais.
González Seoane referiuse ás tensións que adoitan afectar os etnónimos cando aparecen nos dicionarios con «acepcións pexorativas, cando non abertamente racistas». Recordou, entre outros exemplos, a polémica por algúns significados de «galego» no dicionario da Real Academia Española, engadidos na edición de 2001 e retirados posteriormente tralas protestas de colectivos e institucións.
No seu repaso histórico, sinalou que desde os albores da Idade Moderna os dicionarios funcionaron non só como instrumentos de comunicación, senón como «unha ferramenta de capital importancia para a construción e cohesión do Estado e para a súa expansión xeopolítica». Nese contexto xurdiron en Europa as primeiras academias: a italiana della Crusca (fundada entre 1582 e 1583), a Académie Française (1634) e a RAE (1713).
No caso das linguas minorizadas o fenómeno foi moito máis tardío: a Real Academia Galega naceu en 1906, semana na que celebra o seu 120 aniversario. Malia un «contexto moito máis feble e precario» que as súas homólogas, con especial contraste co caso catalán, axiña comezou a traballar no seu dicionario, publicado entre 1913 e 1928 por fascículos ata a voz «cativo» e co castelán como metalingua. Foi, segundo González Seoane, «a primeira tentativa de dotar o galego dun repertorio lexicográfico completo, amparado por unha institución académica», aínda que «non supuxo un punto de inflexión» na historia da lexicografía galega, que continuou durante décadas con dicionarios bilingües galego-castelán centrados no léxico diferencial. Houbo que esperar a mediados dos anos 1980 para que a lexicografía galega tomara un rumbo distinto, cunha orientación marcadamente prescritiva e atención á modernización do léxico.