A falta de aparcadoiro na capital lucense non é unha novidade e moitos cidadáns vense tentados a diario a estacionar o seu vehículo en lugares inapropiados, ausentándose "un momento" para realizar algún tipo de xestión. Este mal hábito foi en aumento nos últimos tempos e entre os anos 2023 e 2024 disparáronse as infraccións, co conseguinte aumento do número de denuncias. Porén, o plan posto en marcha o pasado ano pola Policía Local de Lugo para garantir a seguridade viaria e a fluidez do tráfico conseguiu reconducir un pouco a situación, o que quedou patente no feito de que os axentes detectaron menos infraccións e puxeron mil multas menos ca nos anos previos.
Tal e como explica o xefe da Policía Local de Lugo, José Manuel Río, no ano 2024 os axentes confeccionaron 2.000 multas máis ca no exercicio anterior, rozando as 13.000 anuais, das que practicamente a metade correspondían a estacionamentos indebidos. "As infraccións detectadas aumentaron sobre todo en ámbitos que afectan gravemente á fluidez do tráfico rodado na cidade, como as paradas destinadas ao transporte público urbano, as zonas de carga e descarga de mercadorías e as prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida", apunta.
Desde a xefatura lucense sinalan que este tipo de estacionamentos indebidos crean un risco máis serio do que poida parecer a simple vista e xeran ademais multitude de queixas cidadás. "Se un turismo aparca nunha zona de carga e descarga, os repartidores que a precisan atopána ocupada e acaban estacionando na calzada ou na beirarrúa, xa que teñen que realizar o seu traballo. E o mesmo sucede co bus urbano. Se a parada está ocupada, o condutor ten que deter o vehículo igualmente e os viaxeiros invaden a calzada para subir e baixar do vehículo. Ademais de xerar un perigo, estas situacións desencadean importantes problemas de mobilidade e provocan atascos e retencións. Un dos nosos cometidos é evitar que isto suceda", comenta o inspector.
Ante esta problemática, a Policía Local realizou un estudo e adoptou varias decisións para intentar resolvela, entre as que se atopaba unha planificación especial para que os axentes incidisen sobre determinadas zonas reservadas, un proxecto que finalmente se implementou a comezos de 2025.
A Policía Local acordou destinar un dispositivo especial á vixilancia das infraccións que ocasionaban un maior trastorno á mobilidade urbana, entre as que se incluíron os estacionamentos en zonas de carga e descarga, prazas de persoas con discapacidade, carril bus e prazas destinadas a vehículos oficiais e de emerxencias; a venda ambulante, a acción dos gorrillas e as infraccións graves en materia de seguridade viaria que acarrean perda de puntos.
Os estacionamentos indebidos no casco urbano xeran case a metade das denuncias que tramitan os axentes.
Todas as infraccións xeran problemas, pero hai algunhas menos graves nas que intentamos ser un pouco máis permisivos. Se unha persoa aparca un momento invadindo parte da beirarrúa e non entorpece o paso de peóns nin de vehículos, podemos simplemente advertila. Tamén intentamos ter unha especial consideración nas inmediacións do Hula, xa que é un contorno sensible. Porén, coas infraccións que causan trastornos graves non podemos ser permisivos, xa que precisamos solucionar o problema e o único xeito de atallalo é corrixir esa conduta cunha denuncia", sinala.
Este dispositivo especial, denominado Bravo —polo que foron rotando os diferentes axentes do corpo— realizou un férreo control nestes ámbitos e logrou liberar en boa medida os estacionamentos, para que puidesen ser ocupados en calquera momento polas persoas autorizadas. "Unha vez finalizado 2025", explica o inspector Río, "repetimos o mesmo estudo e comprobamos a eficiencia da planificación, xa que descenderon as infraccións e o número de denuncias reduciuse case en mil respecto ao ano anterior".
Os bos resultados do plan avalan a súa continuidade e o xefe da Policía Local de Lugo augura que as denuncias seguirán baixando ao longo do presente ano. "O obxectivo do noso traballo é mellorar a mobilidade urbana; conseguir que a cidadanía tome conciencia da súa responsabilidade e non leve a cabo condutas que ocasionen trastornos. O descenso no número de multas confirma que o plan que se puxo en marcha non ten un afán recadatorio. Se o obxectivo fose recadar instalaríamos o radar móbil todos os días, e porén en febreiro só se puxo un día. Recadar non é a prioridade", conclúe.
A normativa que recolle os pormenores do plan obriga os axentes a notificar as denuncias realizadas aos responsables da infracción, cando estean presentes. Cando non está o condutor, deben deixar unha copia da denuncia no parabrisas do vehículo. O xefe da Policía Local explica que, a efectos de concienciación, resulta "máis efectivo" este sistema que remitir a multa semanas despois. Desde a xefatura da Policía Local desmenten os rumores de que os axentes multan desde o coche, coa PDA.