A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, acudiu esta tarde en Vigo á celebración do 50 aniversario da Fundación Menela, á que trasladou as felicitacións da Xunta polo seu medio século de atención a persoas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) e ás súas familias.
Abeijón sinalou que Menela é todo un referente en Galicia e eloxiou o seu compromiso coa calidade dos servizos que proporciona, co respecto e coa mellora da vida das persoas con TEA.
Unha visión que comparte co Goberno autonómico, que, recordou, traballa no primeiro Plan Galego do Autismo, que buscará garantir o benestar integral, os dereitos e a plena inclusión das persoas con TEA.
Rede de apoios para a vida independente
Desenvolver unha rede de apoios para facilitar a vida independente e a inclusión social das persoas con TEA é un dos obxectivos do Executivo galego, destacou a directora xeral, que neste sentido puxo en valor o papel que xogan as entidades sociais.
Teatro inclusivo en Pontevedra
Antes da súa participación no aniversario da Fundación Menela, Begoña Abeijón acudiu ao Pazo da Cultura de Pontevedra, onde tivo lugar a representación teatral Por nosotras, a cargo do grupo teatral da Asociación Virgen de la O.
A directora xeral cualificouno como un exemplo da participación activa na sociedade de persoas con discapacidade intelectual e celebrou que a cultura sirva para romper estereotipos en favor da inclusión.
Fonte: Xunta de Galicia