O Auditorio de Verín acolleu o venres 2 de outubro a gala da primeira edición dos Premios ao Comercio de Verín, unha iniciativa do Centro Comercial Urbano AEVER para recoñecer o traballo dos establecementos locais e das persoas que os impulsan. O acto reuniu a máis de douscentos comerciantes, representantes do tecido asociativo, autoridades e veciñanza.
A gala, presentada pola actriz galega Iria Sobrado, contou con espectáculo e música en directo a cargo do grupo Mr Cool. Os premios, concedidos trala valoración dun xurado integrado por catro membros, distinguiron cinco ámbitos da actividade comercial, ademais dun premio honorífico.
Na categoría de Renovación ou Relevo Xeneracional, o recoñecemento foi para Xoguetería Kuqui, que tivo como finalistas a Pato Joyeros e Modas San José. O premio ao Compromiso coa Comunidade e Identidade Local recaeu en Chabela Regalos, fronte á Clínica Veterinaria San Roque e Xamonería Antonio Martín.
En Novo Comercio, o establecemento galardoado foi Marise Salgado, xunto ás finalistas As Pescadeiras e Tatiana Estética Avanzada. UnoUno obtivo o premio á Innovación Comercial de Proximidade, ao que tamén optaban Abeloura Boutique e Xamonería Antonio Martín. O recoñecemento á Mellor Comunicación Comercial de Proximidade foi para Santiveri, nunha categoría que completaron a Clínica Veterinaria San Roque e Coco Shoes. O premio honorífico recaeu no histórico Almacenes Recaredo Romeo.
A gala contou cunha ampla representación municipal, encabezada polo alcalde de Verín, Gerardo Seoane, encargado de entregar o premio á innovación. Participaron tamén o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén Castro, que entregou o galardón de relevo xeneracional; o deputado provincial José María Lago, que entregou o de compromiso coa comunidade; e o presidente do Inorde, Rosendo Luis Fernández, que entregou o de novo comercio.
Durante a súa intervención, Gabriel Alén recoñeceu o labor da AEVER e destacou o esforzo diario das persoas que están detrás do comercio de proximidade, así como a súa contribución á identidade de Verín e á actividade das súas rúas.
A iniciativa integrouse na campaña extraordinaria da AEVER cofinanciada pola Xunta de Galicia a través de Comercio Galego, unha das cinco seleccionadas na convocatoria de apoio aos centros comerciais abertos, e contou coa colaboración do Concello de Verín. Con esta primeira edición, a AEVER buscou dar visibilidade a diferentes formas de contribuír ao futuro do sector: a continuidade dos negocios, a apertura de novos establecementos, a vinculación coa comunidade e a incorporación de novas ideas e ferramentas de comunicación.
Fonte: Concello de Verín