A vila cofrade mariñeira de Cangas presentou o cartel da Semana Santa do ano 2026. O panel ten como finalidade promocionar o evento mediante unha imaxe potente e evocadora, capaz de apelar á emoción e á tradición máis aló dunha simple descrición obxectiva.
O seu autor, José María Pérez Santoro, presenta unha imaxe que captura con gran forza expresiva a esencia destas celebracións, declarada de Interés Turístico de Galicia no ano 2002. A perspectiva elixida guía a mirada do espectador cara ao fondo da excolexial igrexa de Santiago, onde se congrega masivamente a comunidade para participar nos santos oficios do Venres Santo, concretamente no Sermón das Sete Palabras e no Descendemento de Cristo da Cruz.
Na composición adquiren un papel destacado os elementos arquitectónicos do templo, xunto coa cruz desnuda e a escada dos Santos Varóns en primeiro plano, que enquadran a escena e aportan unha notable sensación de profundidade.
A luz como protagonista
A iluminación convértese nun recurso fundamental. Os feixes de luz que penetan polo rosetón xeran un intenso contraste de claroscuro, dirixindo a atención cara á multitud e creando unha atmosfera dramática e case mística. O uso do branco e negro reforce esa sensación, ao eliminar as distraccións da cor e outorgar á imaxe un carácter atemporal e sobrio, acorde co recollemento propio da celebración.

José María Pérez Santoro, fotógrafo da luz
José María Pérez Santoro (Cangas, 1941–2020) foi moito máis que un fotógrafo local: foi, en esencia, un auténtico fotógrafo da luz. A súa mirada soubo converter o cotián en extraordinario grazas a un dominio técnico e artístico que situaba a iluminación no centro de cada composición.
Formado na Escola de Belas Artes de San Fernando e con experiencia nos laboratorios cinematográficos de Samuel Bronston en Madrid, completou a súa aprendizaxe cunha etapa en París que ampliou a súa sensibilidade estética e a súa proxección creativa.
O branco e negro foi unha das súas linguaxes predilectas, pois lle permitía depurar a imaxe e centrar a atención na textura, o xesto e a intensidade luminosa. Nas súas fotografías, a luz non só ilumina: narra, suxire e emociona.

Grazas a ese dominio técnico e artístico, Santoro obtivo recoñecemento nacional e internacional, sendo distinguido pola Federación Española de Profesionais da Fotografía e Imaxe e premiado en certámenes europeos de retrato.
Santoro foi tamén un dinamizador cultural na súa terra natal, onde o seu estudio converteuse en punto de encontro e memoria visual de xeracións. A súa obra permanece como testemuño dunha época e dunha comunidade, demostrando que a luz, nas mans dun verdadeiro artista, pode converterse en linguaxe e en emoción duradeira.
Pódete interesar: