O Concello de Ferrol realizou traballos de poda e mantemento no parque de A Valenta, no barrio de San Pablo, a través do servizo municipal de conservación de zonas verdes, parques e xardíns. Así o informou o concelleiro de Servizos, José Tomé.
As actuacións responden á petición trasladada ao Concello pola Asociación Veciñal de San Pablo, que puxo de manifesto a necesidade de realizar traballos de mantemento nas árbores deste espazo, tras anos sen efectuarse.
Tras unha inspección visual dos exemplares arbóreos, principalmente das especies forestais Pinus radiata e Eucalyptus globulus, determinouse a necesidade de realizar diferentes labores de poda orientadas tanto á conservación das árbores como á prevención de posibles molestias ou riscos para as parcelas e propiedades colindantes.
En concreto, procedeuse á retirada das pólas que sobresaían considerablemente sobre a parcela adxacente, evitando así posibles afeccións aos veciños. Tamén se levaron a cabo traballos de limpeza da copa, coa eliminación de pólas secas presentes no interior dos exemplares de Pinus radiata, xeradas de xeito natural.
Así mesmo, os traballos incluíron a eliminación de pólas afectadas por resinose en varios exemplares de Pinus radiata, co obxectivo de contribuír ao seu adecuado estado de conservación. Dentro da actuación tamén se realizou o apeo de dous exemplares arbóreos secos, un Pinus radiata e un Quercus rubra, ao considerarse necesario proceder á súa retirada.
José Tomé recordou que «este tipo de actuacións forman parte dos labores de conservación e mantemento que se desenvolven nos espazos verdes municipais, atendendo tamén ás demandas trasladadas polas asociacións veciñais para mellorar o estado e a seguridade das zonas verdes da cidade».
Fonte: Concello de Ferrol