Plan de conservación para o berce da Ribeira Sacra
Trátase do mosteiro de Montederramo// É unha iniciativa da Consellería de Cultura e da Deputación de Ourense.
ALEJANDRA MÁRQUEZ OURENSE
O Plan Director do mosteiro de Santa María de Montederramo permitirá levar a cabo actuacións de conservación e iniciativas para o desenvolvemento sustentable deste espazo, berce da Ribeira Sacra, co obxectivo de “analizar o estado actual do edificio e as melloras que se deben realizar para potenciar turística e culturalmente este recinto do patrimonio histórico da provincia de Ourense”, explicou onte o presidente da Deputación, Manuel Baltar, quen xunto ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o alcalde de Montederramo, Antonio Rodríguez, e o bispo de Ourense, Leonardo Lemos, participou na presentación do Plan Director que desenvolve a Xunta de Galicia para este recinto do patrimonio histórico ourensán.
Baltar dixo que a Ribeira Sacra “é unha das contornas de Galicia de maior riqueza patrimonial, histórica e natural, na cal a Deputación de Ourense está a traballar coa Xunta de Galicia, coa Deputación de Lugo e cos concellos deste territorio para acadar o recoñecemento de Patrimonio Mundial por parte da Unesco, unha distinción á que, sen dúbida, contribuirá a xoia medieval do mosteiro de Montederramo”, destaca o presidente do goberno provincial.
Pola súa banda, Román Rodríguez anunciou que, ademais do investimento de 101.415 euros xa realizado na redacción do plan e nas primeiras actuacións, “a Consellería de Cultura ten previsto encargar un proxecto para realizar actuacións de mellora dos espazos que ocupaba o antigo CEIP e das condicións de accesibilidade para as visitas culturais do mosteiro”.
O conselleiro lembrou a Chamoso Lamas, quen cualificara Montederramo como “o máis descoñecido dos vellos mosteiros galegos”, destacando “que se trata tamén dun dos máis sobranceiros bens cos que conta a nosa terra”, e explicou que as actuacións realizadas e previstas contribuirán a dar apoio técnico ao Concello para que poida solicitar unha subvención con cargo ao 1,5% cultural.