Camariñas acolleu onte a 600 palilleiras de Galicia e Asturias.
Compartiron experiencias e amosaron a súa arte cos bolillos // Paralelamente celebrouse un mercado de Nadal solidario.
Parte das máis de seiscentas palilleiras que onte se xuntaron en Camariñas - FOTO: C. C.
JOSÉ M. RAMOS CAMARIÑAS
A sexta Festa Palilleira de Camariñas reuniu onte a máis de 600 artesáns do bolillo chegadas desde A Coruña, Xixón, Padrón, Burela, Salvaterra do Miño, Vilanova de Arousa, Lugo, Valdoviño, Viveiro, Barbanza, Neda, Ames, Arteixo, O Grove, Valga, Corme, Oleiros, Oza-Cesuras, Tállara, Betanzos, Sarria, Ribeira Sacra, Cambados, Coles, Fene, Esmelle, Xove e Vimianzo, ademais das encaixeiras locais de Ponte do Porto, Xaviña, Arou e Camariñas.
No pavillón déronse cita tamén numerosos postos de venda, entre os que había comerciantes chegados desde localidades coma Tarragona, Madrid ou Cuenca, e tamén doutros puntos de Galicia, como Santiago, Cambados ou Ourense.
O encontro foi organizado polas asociacións Puntillas e Bilros, que presiden Adoración García e Pilar Gándara, quenes amosaron o seu agradecemento "por presenciar unha festa coma esta, na que se unen cultura e tradición co encaixe como símbolo de identidade, que todas estas palilleiras fan que siga vivo". O acto inaugural estivo presidido pola alcaldesa, Sandra Ínsua, e pola concelleira Encarna Liñeiro, quen avanzou que "imos camiño da triséxima edición da Mostra do Encaixe, que estará moi vencellada á idea da elegancia, como elemento distintivo que lle dá a calquera peza".
Paralelamente ao encontro de palilleiras celebrouse tamén un mercado de Nadal con fins solidarios, organizado polo Club Balonmán Camariñas