O Museo do Pobo Galego, galardoado co Premio Fernández Latorre.
O xurado define a entidade como a configuración do sentir dos galegos como un pobo.
La Voz - Redacción 25/07/2019 05:00 h
O Museo do Pobo Galego é a institución galardoada co Premio Fernández Latorre na súa 61.ª edición. A distinción é un recoñecemento a unha longa traxectoria de traballo e esforzo a prol da cultura de Galicia no seu sentido máis amplo. A acta da reunión do xurado, que se celebrou o pasado 25 de xuño, recolle:
«El Patronato de la Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, constituido en jurado para fallar el LXI Premio Fernández Latorre, instituido en memoria del fundador de La Voz de Galicia, ha acordado conceder, por unanimidad, el Premio Fernández Latorre en su edición del 2019, dotado con 10.000 euros, al Museo do Pobo Galego. El Jurado valoró en su fallo el compromiso de esta institución para promover la investigación, la conservación, la divulgación y la defensa de la cultura material e inmaterial de Galicia. Desde su nacimiento en 1976, el Museo recoge y protege el patrimonio histórico y antropológico que configura el sentir de los gallegos como un pueblo. En la actualidad, es un referente de país con proyección de futuro tras aprobarse, recientemente, una ampliación de sus instalaciones que lo dotará de nuevos espacios expositivos en 2021».
O xurado estivo constituído polas seguintes persoas: Santiago Rey Fernández-Latorre, presidente da Fundación; Roberto Blanco Valdés, vicepresidente; Lois Blanco Penas, José María Castellano Ríos, Salomé Fernández-San Julián Martínez, José Luis Vázquez Mariño e Luciano Vidán Martínez, patróns; José Francisco Sánchez Sánchez, patrón e director da Fundación; José María Arias Mosquera, José Arnau Sierra, Sergio Cancelo Mallo, Manuel Jove Capellán, José Carlos Martínez Pérez, Manuel Sánchez Salorio e Roberto Tojeiro Rodríguez, patróns de honra; Xosé Luís Vilela Conde, director de La Voz de Galicia; e Manuel Areán Lalín, secretario.
María Xosé Fernández Cerviño
Desenvolvemento de Galicia
O ano pasado o Premio Fernández Latorre recaeu no presidente de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa, un decidido defensor e promotor das relacións bilaterais entre España e Portugal. En edicións anteriores o galardón tamén destacou traxectorias senlleiras, tanto de personalidades como de institucións decisivas para o desenvolvemento de Galicia. Entre os máis recentes cóntanse a xurista María Emilia Casas, primeira muller que presidiu o Tribunal Constitucional, o xornalista e escritor Miguel-Anxo Murado ou o exdirector da Real Academia Española Darío Villanueva.
De convento desamortizado a referente etnográfico de Galicia
O primeiro presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego chegou a aceptar o cargo, pero nunca tomou posesión. Ramón Otero Pedrayo faleceu en abril de 1976, tres meses antes do nacemento xurídico e da posta en marcha, un ano máis tarde, dos primeiros espazos expositivos. No 2027, o segundo ano santo da vindeira década, a institución chegará ao medio século de vida en San Domingos de Bonaval, un convento dominico de gran valor patrimonial desamortizado no XIX e cedido polo Concello de Santiago. O proxecto cultural, polo que pulou unha xeración de mozos desde o Colexio de Arquitectos de Galicia, foi crecendo cos obxectivos de investigar, conservar, divulgar, defender e promover a cultura galega en todos os seus ámbitos.
Xaquín Lorenzo, discípulo de Otero Pedrayo, foi quen de establecer a conexión histórica co intento do Seminario de Estudos Galegos de crear décadas antes o primeiro museo etnográfico de Galicia. A Xocas sucedérono no padroado Antonio Fraguas, Isaac Díaz Pardo e Justo Beramendi.
Fraguas e Carlos García Martínez desenvolveron como directores as actividades e as distintas técnicas expositivas nas salas do mar, o agro, os oficios, a música, a arquitectura, a memoria ou a tradición, entre outras temáticas. Manuel Vilar, o actual director, vai xestionar a ampliación das novas salas, con apertura prevista para o próximo ano santo, e tamén a remuda dos contidos e do relato para adaptalos aos novos tempos, xa proxectada pero sen executar. E tratará de darlle contido á encomenda da Xunta de Galicia, que por decreto do ano 1993 deu competencias ao Museo do Pobo Galego para actuar como centro de referencia para todos os museos e coleccións públicas e privadas integradas nun sistema de coordinación do patrimonio etnográfico de Galicia.
A crise económica determinou de xeito decisivo a estrutura de funcionamento dunha institución que conta cun equipo de profesionais, un amplo grupo de membros no padroado que exercen o voluntariado, un colectivo de 2.000 socios e os patrocinios e a protección de institucións públicas e privadas, que fan achegas a distintos niveis, ademais da venda de entradas. En total, as entidades públicas inxectan o 60 % dun orzamento que supera o medio millón de euros. Recibe 60.000 visitas ao ano; a metade, de escolares galegos.