You are here

Dámaso I, o papa galego que incorporou a palabra ‘Aleluia’.

Compilou a Biblia, prácticamente como hoxe a coñecemos. Incorporou a palabra ‘Aleluia‘ ao día a día dos ritos da Igrexa.

O papa San Dámaso (der.) e o compilador da Biblia San Xerónimo (esq.)

Dámaso I, o papa galego que incorporou a palabra ‘Aleluia’.

Por - Eduardo Rolland - 06/11/2017

 

Compilou a Biblia, prácticamente como hoxe a coñecemos. Incorporou a palabra ‘Aleluia‘ ao día a día dos ritos da Igrexa. E combateu con forza toda disidencia, ao punto de que está considerado un dos responsables da derrota de Prisciliano. Tamén foi o único papa galego, nunha época tan temperá como o século IV despois de Cristo.

A Biblia Vulgata.

Gran parte da maxestade que acompaña a figura dun papa é obra de Dámaso I. Trátase dun home na Gallaecia no 304, fillo de Laurencia e dun sacerdote chamado Antonio. Nas brétemas históricas do século IV, hai controversia coa súa orixe. Todos coinciden en que procedía de Gallaecia. Pero algunhas fontes fano natural de Garda, no norte do actual Portugal. E outras, da bisbarra de Lugo, onde o seu pai exercía o sacerdocio, nunha época en que o celibato non era obrigatorio. O certo é que emigrou moi novo a Roma.

Dende moi novo, comezou a escalar na xerarquía da Igrexa, apoiándose na súa vasta cultura, que o levou a ser secretario do papa san Liberio. Era, tamén, un home ambicioso, a dicir dos contos que circulaban na súa época. O seu adversario, o patricio Praetextatus, moqueábase de san Dámaso atribuíndolle a frase: “Fáganme bispo de Roma e fareime cristián”.

Tras a morte de Liberio, no 366, Dámaso é elixido papa. Pero, simultaneamente, é designado outro sumo pontífice, chamado Ursino. A loita entre ambos remata en derramamento de sangue. Nunha liorta nunha basílica romana chegan a morrer nada menos que 137 seguidores dun e doutro papa.

Na liorta contra o outro candidato a Papa morreron 137 cristianos

Finalmente, intervén o emperador Valentiniano, desterrando a Ursino á Galia e confirmando a Dámaso como sumo pontífice. Os seus inimigos continuarán conspirando e mesmo o acusarán de adulterio -os papas contraían matrimonio- ante a Corte Imperial. O emperador seguinte, Graciano, resolverá estas disputas con novos desterros.

Tras sortear estes conflitos, Dámaso ten as ideas moi claras. Quere dar unidade e grandeza á Igrexa. E entregará os seus dezaoito anos de pontificado a conseguilo. Para iso, a súa primeira misión será unificar a doutrina e perseguir toda disidencia. Dámaso combate o arrianismo, moi estendido a pesar da súa recente condena, no 325, no Concilio de Nicea. Os seguidores de Arrio sostiñan que Xesús era fillo de Deus, pero non Deus. O debate formaba parte das arrevesadas “disputas cristolóxicas”, moi populares nos primeiros séculos do cristianismo.

Durante o papado de Dámaso foron excomulgados e perseguidos os arrianos, do mesmo xeito que os apolinaristas, luciferistas e macedonialistas. Pero a súa maior batalla deuna contra outro galego, Prisciliano. Este bispo natural de Gallaecia comezou a predicar unha nova forma de entender o cristianismo. Promovía o celibato, a pobreza, a participación das mulleres e dos escravos na Igrexa e tiña un corpus litúrxico con notas esotéricas, cerimonias en bosques e ríos ou a danza como protagonista nas oracións.

Tamén denunciaba Prisciliano os excesos e luxos dunha parte da curia eclesiástica. Pero Dámaso non estaba disposto a tolerar ningunha disidencia. No 382, Prisciliano dá un golpe de efecto e preséntase en Roma, para defender as súas teses. Dámaso I négase a recibilo. En Milán consegue, con todo, algunha simpatía do emperador Graciano, que lle permite regresar triunfante a Hispania. Pero duraralle pouco a permisividade de Graciano, quen é asasinado por Magno Clemente Máximo, quen a súa vez se proclama emperador. Máximo cambio o criterio do seu predecesor e alíase co papa Dámaso contra Prisciliano.

Dámaso I ordeou a morte de Prisciliano, tamén natural da Gallaecia

O bispo rebelde é convocado a Tréveris en 385. Alí é procesado baixo a acusación de bruxería. Tras confesar mediante torturas, é decapitado xunto a seis discípulos. Os restos de Prisciliano e os seus discípulos foron trasladados a Galicia. Varios autores, entre eles Sánchez Albornoz e Unamuno, afirman que é o herexe quen está enterrado na catedral de Santiago. E que a súa tumba era venerada pola súa gran popularidade, que perviviu á súa morte. A lenda do Apóstolo sería así unha forma de reconverter en ortodoxo un culto que resultaba incómodo.

Pero o galego Dámaso non só perseguirá herexías. Tamén quixo unificar os textos sacros. E a súa obra máis ambiciosa foi a Vulgata, que encargou no 382 ao historiador Xerónimo de Estridón. É practicamente o libro santo que hoxe coñecemos.

San Dámaso tamén incorporou á liturxia voces tan populares como o hebreo aleluia. Dámaso I morreu en Roma no 384 como un dos grandes papas da historia. Non está mal para o único pontífice galego que, por certo, é o patrón dos arqueólogos católicos, que o festexan o 11 de decembro.

A biblia Vulgata

Una das grandes achegas do galego Dámaso I foi a Vulgata. Encargoulla no 382, dous anos antes da súa morte, a Xerónimo de Estridón, historiador e erudito da época (no gravado). O futuro san Xerónimo compilou os textos antigos e unificounos nunha obra escrita en latín vulgar, para que a entendese o pobo. Esta Biblia, co seu Vello e Novo Testamento, é practicamente a que hoxe coñecemos. Ata a aparición da Neovulgata, en 1979, usouse exactamente a que encargou Dámaso, o papa galego.

Couso Galán
Adolfo Dominguez
Blusens
Astilleros Barreras

Lo último en los blogs

Una de las vacunas chinas probada en humanos es segura y genera respuesta inmune.Se ha probado en 108 adultos y ofrece resultados...
Seguro que al cerrar un libro alguna vez has pensado en lo maravilloso que sería poder viajar al mundo en el que transcurre la historia. En...

Lo último en los foros

No es un secreto que Galicia cuenta con vinos: blancos y tintos de los cuales algunos de ellos pueden ser considerados de los mejores del...
Se inicia este "Foro" en relación al proyecto "Galicia Universal", para que todo aquel que se identifique con el mismo, pueda emitir su...