A Rúa réndese ao deus romano do viño
en En portada, Galerías de fotos, Última hora 11 de Agosto de 2018
O Aguillón será escenario do 10 ao 11 de agosto da quinta edición da Bacofesta
Sobre a antiga ponte da Cigarrosa, en plena Via Nova romana e entre os concellos da Rúa e Petín, arrancaba a V Bacofesta na tarde do 10 de agosto. O acto inaugural comezaba coa chegada das comitivas ataviadas con prendas propias da época imperial chegadas dende A Rúa, encabezada polo seu alcalde, Luis Fernández, e de Petín. Xuntas, procedían a inaugurar esta feira histórica de contido cultural, gastronómico e enolóxico que se desenvolverá ata o 12 de agosto na área recreativa do Aguillón rues e que ten como concello convidado a Vilamartín.
Dende a ponte, comezaba entón un percorrido a pé das autoridades, mentres soaba o ritmo do folión Os Viticultores de Vilamartín, ata o recinto da Baco Festa, onde se procedía á lectura do pregón a cargo de José Fernández, quen falaba da pegada romana en Valdeorras. Despois comezaban as degustacións de viños nas casetas das diferentes adegas da Denominación de Orixe Valdeorras.
A música é outro dos ingredientes do programa e así o sábado ás 13h. actuaba o grupo Star Blue e pola noite haberá un concerto de música dos anos 70-80 a cargo de La Jaula a partires das 23:30h.
O horario do recinto tanto o sábado coma o domingo será aproximadamente de 12 a 14:30 e de 19 a 23:30h. con diferentes actividades (xogos, obradoiro participativo de escribanía en letra romana, espectáculos de cetrería…).
A música ao vivo no mediodía do domingo correrá por conta do grupo Habana Vieja (13h.) e co xantar popular previsto para as 14h. sendo a charanga Takicardia quen se encargue de clausurar musicalmente esta edición da Baco Festa (ás 20h.) que pechará as portas en torno ás dez da noite.
Fotos: Torfy.