Guía para non perder nin un só magosto en Compostela
A festa das castañas espállase por todos os barrios durante o mes de novembro
L.EIRÉ. SANTIAGO | 08.11.2017
Novembro recende a castañas. É tempo de magostos. Asociacións veciñais, colectivos culturais, comunidades educativas e moitas entidades aproveitan esta época do ano para celebrar esa festa popular que, ademais de servir para exaltar o froito do outono, serve de escusa para compartir cos que están máis preto. Aí vai unha escolma -por orde cronolóxica- dos que están previstos en Compostela nos vindeiros días:
1. Magosto LGTB. Promovido por Avante LGTB y Avante Compostela Galiza, encherá de festa a zona vella este mércores 8 (21 h.). A celebrar no Cantón de San Bieito, haberá xogos, un obradoiro de malabares, castañas de balde e foliada.
2. Centro sociocultural (CSC) de Fontiñas. Organizado polo Colectivo Barriopia, terá lugar o venres 10 no espazo da rúa Berlín 13 (17.30 a 20.30 h.). A festa estará amenizada polos integrantes de Seteportas Altair. Previamente, o xoves 9 (17.30 h.), haberá un roteiro para coñecer as árbores autóctonas da contorna. Os participantes recollerán follas que despois empregarán para confeccionar un disfraz para o magosto. É preciso inscribirse no CSC.
3. Pontepedriña. A asociación de veciños encárgase de organizar a festa das castañas. Será o venres 10 (20 h.) no local sociocultural. O froito estrela poderase consumir de forma gratuíta, pero tamén haberá racións de callos (2,5 €) e bolos preñados (1,5 €). As bebidas custarán un euro.
4. Fontiñas Dub Fest. Os veciños de Fontiñas teñen o sábado 11 outra oportunidade de gozar das castañas, desta vez no parque do Cotaredo (18 h.). De poñer a ton a festa ocuparanse MaisLume Kolektive e Locolocal Dub Mono.
5. Cidade da Cultura. No monte Gaiás xa é unha tradición sumarse os fastos do outono. Ademais de degustar o froito estrela cunha orixinal presentación, nas dúas sesións organizadas polo complexo haberá moita música. Na cita prevista para o sábado 11 (20 h.) actuará Susana Seivane, mentres que Luis Emilio Batallán poñerá banda sonora á celebración do sábado 18 (20 h.). As entradas están á venda (5 euros) no Museo Centro Gaiás e en ataquilla.com.
6. O Castiñeiriño. Os veciños da zona sur reuniranse para celebrar o seu magosto o sábado 11 (18.30 h.). Será no patio do antigo colexio e, ademais de castañas, haberá algún que outro petisco e moita música.
7. CSC de Vite. Os veciños de Vite terán ocasión de gozar das castañas asadas na festa prevista para o vindeiro xoves 16 (de 17 a 20 h.). A entrada é gratuíta.
8. Anega. A Asamblea Nacional das Estudantes Galegas (Anega) repite na axenda e está a organizar o seu magosto para o vindeiro xoves 16 na praza 8 de Marzo (19 h.). Da música ocuparanse Dj Crebinsky, Underclock e Leo. As castañas serán de balde.